Thursday 02 de May de 2024

Máis de setenta fotografías amosan na casa da cultura pobrense a vida de comunidades pesqueiras tradicionais


A casa da cultura Raquel Fernández Soler dará cabida a unha nova mostra dende o 23 de xullo e ata o 27 de agosto da man de Afundación, ABANCA e o Concello da Pobra do Caramiñal, a través da Concellaría da Cultura, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE). Nesta ocasión, trátase da exposición Fillos do océano, unha síntese das mellores imaxes que o fotógrafo Javier Teniente tomou, durante varios anos, nunha viaxe por comunidades pesqueiras tradicionais de todo o mundo. Ofrécese así un percorrido fotográfico composto por máis de setenta instantáneas que presentan a forma de vida de poboacións vencelladas á pesca artesanal, polo que dependen exclusivamente do mar e están a sufrir o esgotamento dos recursos mariños por sobreexplotación ou por causa da contaminación. Fillos do océano constitúe, polo tanto, unha homenaxe a esa xente do mar, pero tamén unha chamada de atención e de concienciación social a favor da preservación dos ecosistemas mariños.

As visitas pódense efectuar de luns a venres, en horario de 10.30 a 13.30 e de 19.00 a 21.00 horas, seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19.

Esta colaboración é parte do proxecto Corrente cultural, co que Afundación e ABANCA están promovendo un programa de exposicións en diferentes localidades galegas, e que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo.